Transfusión de sangue
A transfusión de sangue ou transfusión sanguínea realízase para repoñer a perda do fluído corpóreo debido a algunha doenza ou trauma grave que veña a traer perda substancial que non poida ser reposta pola propia persoa.
Historia
[editar | editar a fonte]As primeiras transfusións de sangue realizáronse en animais no século XVII por Richard Lower, en Oxford, no ano de 1665. Dous anos máis tarde, Jean Baptiste Denis, médico de Lois XIV, profesor de filosofía e matemática na cidade de Montpellier, a través dun tubo de prata, infundiu un vaso de sangue de carneiro en Antoine Mauroy, de 34 anos, doente mental que deambulaba polas rúas da cidade, e que faleceu despois da terceira transfusión. Nesa época, as transfusións eran heterólogas e Denis defendía a súa práctica argumentando que o sangue dos animais estaría menos contaminado de vicios e paixóns. Esta práctica considerouse criminal e prohibiuse inicialmente pola Facultade de Medicina de París, posteriormente en Roma e na Royal Society, de Inglaterra.
En 1788, Pontick e Landois obtiveron resultados positivos realizando transfusións homólogas (entre a mesma especie), chegando á conclusión de que poderían ser beneficiosas e salvar vidas. A primeira transfusión con sangue humano é atribuída a James Blundell, en 1818, que despois de realizar con éxito experimentos en animais, transfundiu sangue a mulleres con hemorraxias posparto.
No final do século XIX, problemas coa coagulación do sangue e reaccións adversas continuaban a desafiar os científicos. En 1869, iniciáronse tentativas para atopar un anticoagulante non tóxico, culminando coa recomendación do uso de fosfato de sodio, por Braxton Hicks. Simultaneamente desenvolvíanse equipos destinados á realización de transfusións indirectas, ben como técnicas cirúrxicas para transfusións directas, ficando eses procedementos coñecidos como transfusións brazo a brazo.
En 1901, o inmunólogo austríaco Karl Landsteiner describiu os principais tipos de células vermellas: A, B, O e máis tarde a AB. Como consecuencia dese descubrimento, tornouse posíbel estabelecer cales eran os tipos de células vermellas compatíbeis e que non causarían reaccións desastrosas, culminando coa morte do receptor. A primeira transfusión precedida da realización de probas de compatibilidade realizouse en 1907, por Reuben Ottenber, porén este procedemento só pasou a utilizarse en longa escala a partir da primeira guerra mundial (1914-1918).
En 1914, Hustin relatou o emprego de citrato de sodio e glicosa como unha solución diluente e anticoagulante para as transfusións, e en 1915 Lewisohn determinou a cantidade mínima necesaria para evitar a coagulación. Desta forma, tornábanse máis seguras as transfusións de sangue.
Ideado en Leningrado, en 1932, o primeiro banco de sangue xurdiu en Barcelona en 1936 durante a guerra civil española. Despois da segunda guerra mundial, cos progresos científicos e o crecemento da demanda por transfusións de sangue, continuaron no Brasil os seguintes Bancos de Sangue [Cómpre referencia].
Despois de catro décadas do descubrimento do sistema AB0 produciuse outro feito que revolucionou a práctica da medicina transfusiva: a identificación do factor Rh, realizada por Landsteiner.
Complicacións
[editar | editar a fonte]As transfusións non son unha práctica médica exenta de riscos, sendo que a decisión do uso do sangue tómase polos médicos cando consideran que os beneficios son maiores que os riscos. Entre as posibles complicacións están: fallo humana, falta de control de calidade e contaminación. Entre as doenzas e infeccións transmisíbeis pódense citar a hepatite, a sida, o citomegalovirus e outras.
Día Mundial do Doante de Sangue
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Día Mundial do Doante de Sangue.
A Organización Mundial da Saúde celebra o 14 de xuño actos en todo o mundo en honra dos doantes de sangue.